sábado, 2 de febreiro de 2013

Tuenti incorpórase á comunidade Abertos ao Galego


A finais de novembro soubemos que a Mesa pola Normalización Lingüística decidira recoñecer o labor da rede social Tuenti a prol da incorporación da nosa lingua no seu seo, materializándose este recoñecemento a través do Premio Abertos ao Galego para os responsábeis da dita comunidade 2.0. Pois ben, segundo nos lembra agora A Mesa, en virtude do devandito, Tuenti pasa a formar parte oficialmente do espazo Abertos ao Galego, un acubillo que reúne e visualiza perante a sociedade galega e internacional a aquelas empresas que empregan de xeito normalizado a nosa lingua na súa comunicación. A rede social formará parte deste colectivo durante un ano, xunto co resto das empresas participantes (entre as que se atopan, do sector TIC, firmas como Dimensiona ou Ceros e Uns, por poñer uns exemplos).

Como dixemos, tanto a comunidade Abertos ao Galego (para a dinamización do galego no ámbito empresarial) como o premio do mesmo nome responden, segundo informa A Mesa, ao obxectivo de prestixiar o traballo das empresas que traballan en galego e que o van incorporando ao seu traballo diario. O xurado valorou moi positivamente o impacto que ten Tuenti entre a mocidade, ademais da relación entre galego e uso das novas tecnoloxías. O acto de entrega do Premio Abertos ao Galego vaise celebrar o próximo 19 de decembro no Pazo da Pedreira, en Pontevedra, e contará coa participación de representantes de Tuenti.

luns 17 de decembro do 2012, por Fernando Sarasqueta
Fonte: 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.