xoves, 28 de febreiro de 2013

Imaxina Cantares


Autoría da imaxe: Ruth Caramés Blanco

Coincidindo co Día de Rosalía e coa celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convocan conxuntamente o concurso Imaxina Cantares! para que os máis novos poidan gozar da obra rosaliana a través de producións en soporte audiovisual.

O certame está dirixido a alumnado dos centros educativos de titularidade pública coordinado por profesorado pertencente ao equipo de dinamización da lingua galega que, sempre que o traballo presentado acade os mínimos de calidade esixidos polo xurado, recibirá 8 horas de formación permanente. Ademais, para os mellores traballos establécense dous premios, un primeiro de 300 euros e un segundo de 200, en cada unha das tres categorías contempladas: educación infantil e primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais. 

150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos 
O primeiro poemario de Rosalía escrito en galego, Cantares Gallegos, marca o inicio do Rexurdimento das nosas letras e constitúe un excelente exemplo de reivindicación da nosa lingua e da nosa dignidade como pobo.

Nos últimos anos, as actividades de carácter audiovisual que promoven os equipos de dinamización da lingua galega non son só as preferidas polo alumnado, senón tamén as que se evidencian como máis efectivas para dinamizar e potenciar o uso do galego no eido educativo.

Con esta iniciativa, o significado dos versos de Cantares Gallegos reinterpretarase nas formas de expresión máis atractivas para os alumnos e alumnas de hoxe –videoclips, curtametraxes, anuncios publicitarios etc.–, sempre sen perder a esencia que os consagrou como universais.

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 22 de marzo de 2013 

Prazo de envío das gravacións: ata o 22 de abril de 2013




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.