sábado, 12 de xaneiro de 2013

Raiolas no faiado - LITERATURA ADULTOS

Raiolas no faiado
Francisco Rozados
Colección Medusa Narrativa

 O título desta obra, Raiolas no faiado, está tirado dunha dedicatoria que Ánxel Vence lle fixo a Chano Piñeiro, que foi o inventor de Trasdomonte, transunto da bisbarra na que Chano e mais o autor do libro naceron, a Terra de Montes.

Os relatos, habitados por personaxes de toda laia, transcorren nesa terra engaiolante na que a chuvia ten corpo e alma, e as mulleres tecen soños que se irmandan coa lembranza; na que cada árbore acubilla a alma dun home e cada outeiro é a gorida dun trasno; na que cada fraga e cada souto abeiran segredos milenarios, e os ríos e regatos carrexan quimeras imposibles de penetrar sen ollos avisados; na que homes e mulleres se mesturan con espíritos e ánimas familiares, e na que mortos e vivos conviven, consciente cadaquén dos seus andares. Os relatos están engastados nun fío fantástico, legatario das lendas vinculadas ó folclore, e tentan ser herdeiros da tradición oral e do imaxinario popular que tan ben representaron na nosa literatura narradores como Ánxel Folo, Rafael Dieste ou Álvaro Cunqueiro. A elección do formato de relato ten a intención de esencializar, decantar e condensar os numerosos contidos que nos ofrece esa tradición, ateigada de lendas, contos e fantasías para contar a carón do lume, esoutro elemento evocador, máxico e nostálxico de tan tópica querencia. Se este libro consegue que o lector se sinta a carón do lume, cumprirá folgadamente o seu cometido.

Páxinas: 116
ISBN: 978-84-7824-544-4


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.