sábado, 5 de xaneiro de 2013

Do A ao Z con... Castelao - LECTURA INFANTIL

Do A ao Z con... Castelao
Ilustracións de Manel Cráneo
Col. Ler é Vivir. Serie Morada.
Ed. Everest Galicia. A Coruña, 2010
A partir de 10 anos

Conxunto de textos en prosa, poética nalgúns casos, que, seguindo unha orde alfabética, recolle palabras chave da vida e obra de Castelao para dialogar con elas a maneira de homenaxe ao artista, escritor e político rianxeiro, un dos referentes fundamentais na cultura galega contemporánea.

Así, conta: Do mozo que emigrou a Arxentina; da filla do Boticario na escola; dos namorados que se amigaron no Cruceiro; do Debuxante de pensamentos; do Esqueleto que pode ser para a nena pesadelo ou lección na escola; da misteriosa casa da fraga en cuxa Fiestra asoma unha rapaza como unha Menina de Velázquez; da Gaivota mensaxeira que vén onda a rapaza que anda ás crebas; dos Homes cociñeiros co seu club gastronómico; do Inglés que chegou a Fisterra polo Camiño de Santiago e alí se quedou; á panadeira Lela gústalle oír o seu nome na boca dunha nena; do papagaio do Médico pediatra que se xubila canda el; un poema acróstico sobre Namorarse; do castelo con lenda ante o que a nena sente medo e dillo á "Ña nai"; dos Ollos que, explica o avó, amais de mirar falan; do mariñeiro Pedriño, a quen veu buscar unha balea e levouno; imaxinando Que pasaría se fose o único habitante da cidade e se atopase cun extraterrestre; Rianxo definido literariamente por un Daniel rapaz; do Segredo dunhas estrelas e o luceiro; da Tola do Monte que baixaba bater as campás da igrexa coa alba; do xubilado que cumpría o soño de que os seus fillos estudaran na Universidade; da carteira Virxinia en quen confiaba a xente, que mesmo lle pedía que lles lese as cartas; do rapaz que viñera de Valencia para estudar e, canso das burlas, tomou a Xustiza pola man. Rematando nunha canción en acróstico sobre GaliZa.

A edición péchase cunhas pequenas notas sobre a relevante aparición na obra de Castelao das palabras motivadoras dos textos.
60 p. - 12,5x19,5 cm.
ISBN     978-84-403-1141-2 

Fonte: BLIX

FAITE SOCIO DA BIBLIOTECA E LEVAO PARA LER NA CASA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.