sábado, 22 de decembro de 2012

Coñeces ao Apalpador?

O Apalpador consolida a súa presenza na nosa Rede
mércores 19 de decembro do 2012, por Fernando Sarasqueta

A Rede galega reborda estes días de mensaxes, informacións e reclamos de Nadal, pero non todas se refiren aos cada día máis atarefados e sobre-reflectidos Reis Magos ou Santa Claus.

Con cada ano que pasa, afiánzase, sen lugar a dúbidas, a nosa achega propia a estas festas: a figura de O Apalpador, un personaxe que non ten a axenda tan apertada coma os devanditos e que está a ser elixido por centos de cativas e cativos para escoitar os seus devezos e arelas para o novo ano. Ademais, contándose coa vantaxe de telo ben pretiño: en troques de vir da xeada Laponia, vén das montañas de O Courel. Na Internet, como dixemos, o seu recanto tamén se consolida. Sen ir máis lonxe, vimos de descubrir, a través do blog Falando enténdese a xente, un espazo de seu, opalpador.tk, moi ben deseñado por A Webeira, e que resume boa parte do que estamos a contar, como un sitio máis ou menos oficial da figura do carboeiro da montaña de Lugo.


Esta web inclúe, entre outras cousas, a canción e máis o vídeo de O Apalpador e foi posta en marcha para promover no mundo a súa figura, responder tódalas respostas posíbeis e, ademais, abrirnos as portas cara a outros sitios web onde tamén se fala del.

E para resolver calquera dúbida sobre a súa existencia e dispoñibilidade, amais de para estender a súa presenza nos nosos computadores, dende a web da marca O Visio están a lanzar material descargábel sobre O Apalpador, reivindicando a figura do carboeiro galego e, xa que se trata dun punto en liña de distribución de prendas cen por cen galegas, o axeitado da súa feitura externa e bo tino do carboeiro á hora de vestirse (con cores verde/marrón que lle acaen mellor á nosa terra cás vermellas e brancas do Nadal máis estendido polos medios e as grandes marcas). Ao fío disto, O Visio fornece figuriñas virtuais para empregarmos como mellor nos conveña, descargábeis tamén en forma vectorial para os nosos traballos de deseño.

Pero hai máis. Dende o Portal da Lingua cóntasenos que o xornal dixital Galicia Confidencial puxo en marcha unha campaña de promoción para lectoras e lectores que consiste en agasallalas/os cun boneco de O Apalpador, feito por Rumboia Xoguetes, de formalizaren unha subscrición ao xornal.

A maiores, tamén hai vídeos en YouTube, como por exemplo a achega audiovisual (e pictórica) feita pola rapazada do CEIP da Nosa Señora de Xuvencos de Boborás (Ourense), na que se nos conta a historia do carboeiro. Asemade, dende o CEIP Coirón Dena de Meaño, chéganos estoutro vídeo sobre as andainas do devandito habitante das montañas galegas. Por outra banda, e seguindo cos importantes traballos levados a cabo dende os centros de ensino, salientar a achega feita dende o CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos, na que se nos convida a enviarlle unha carta ao carboeiro do Courel.

 Vídeo coa historia do Apalpador

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.