sábado, 24 de novembro de 2012

REDELIBROS A rede social galega do libro

 

Redelibros.com é unha plataforma cultural centrada no mundo do libro. Reúne a escritores, editores, libreiros, bibliotecarios e, moi especialmente, lectores. Somos, ante todo, unha rede social de literatura, un espazo común onde atoparnos, compartir experiencias, inquietudes, lecturas e intereses, un espazo en Internet que agrupa blogs persoais e profesionais, grupos de opinión, páxinas web de librerías, editoriais e autores, axenda de eventos, álbums persoais, etc. Unha rede de literatura na que atopar lectores que comparten os nosos gustos, buscar información sobre as nosas próximas lecturas, apuntar ou comentar o que lemos, recomendar libros, crear as nosas bibliotecas virtuais e estar ao día de canto acontece no mundo do libro, xa sexan lanzamentos editoriais, charlas de escritores, premios, etc.

Redelibros é, xa que logo, un espazo compartido. Temos clara a nosa filosofía: queremos construír un espazo cultural común, e por iso consideramos que cada membro da rede é parte integrante de Redelibros. Cada membro constrúe o seu espazo personalizado ao máximo, decide que compartir e que non, intégrase nos grupos que desexa ou crea os seus propios, etc. Redelibros, como rede social, busca abrir un espazo galego de literatura en Internet, un espazo de encontro, visible e dinámico, levantado entre todos.



Redelibros.com está formada tamén, ademais da rede social, por unha plataforma de difusión do libro, tanto electrónico como en papel. Como tal, a nosa plataforma agrupa a un número crecente de librerías que deste xeito se fan visibles e comercializan os seus libros en Internet. Unha páxina que agrupa a diferentes librerías que, mantendo a súa especifidade, comparten recursos e espazo e poden chegar así con maior facilidade aos lectores. Desde esta plataforma, entrando en calquera das librerías asociadas, podedes descargar obras aos vosos ereaders, teléfonos móbiles, tablets, ordenadores e demais “cacharros” que vaian aparecendo. Ou, se o preferides, podedes acceder a obras en papel e adquirilas para que vos sexan enviadas por correo tradicional.

En resumo: Redelibros.com é unha apaixonante oportunidade para construír un espazo cultural propio que brinde novas oportunidades a autores, editores, libreiros e, sobre todo, lectores. Unha rede ampla e descentralizada que responde, unicamente, aos intereses de todos e cada un dos seus membros. Unha rede común para debater, comentar e participar. Para vivir o libro

Entra na súa web e únete á rede.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.