domingo, 4 de novembro de 2012

Outono - Materiais e recursos




 
Recompilación de actividades LIM sobre o Samaín, o Outono e o Magosto: no CEIP de Campolongo (Pontevedra) elaboraron esta recompilación de actividades LIM para traballar as diferentes festividades outonais.



 
Vídeo didáctico sobre o Samaín: o IES de Melide (A Coruña) realizou vídeo didáctico que nos conta a lenda do Samaín coa sempre atractiva música de Mamá Cabra.



 
Recompilación de recursos do Samaín e do Magosto: a profesora Mª Asunción García Álvarezo do CEIP Víctor Sáenz, Mazaricos (A Coruña) elaborou esta completísima recompilación de recursos (webquest, vídeos, cancións...) relacionados co magosto e coa lenda do Samaín.



O Magosto, unidade didáctica: o EDLG do CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares de Vigo realizou unha unidade didáctica sobre o Magosto. Aquí poderedes atopar información moi variada da festa (contos, vocabulario e frases feitas, adiviñas, cantigas, debuxos etc.), e actividades de comprensión e expresión que axudarán ao alumnado a asimilar contidos de xeito lúdico. 



Samaín 2012. A festa das cabazas. A festa dos calacús: unidade didáctica que, ademais de incluír unha breve introdución teórica sobre a lenda do Samaín, propón distintas actividades relacionadas coas cabazas moi axeitadas para o alumnado máis novo. Elaborada polo CEIP Galán de Arteixo (A Coruña)



 
Contos de medo: o EDLG do IES Mendiño de Redondela (Pontevedra) recompilou contos de medo elaborados polo alumnado e moi adecuados para pasar unha auténtica noite de Samaín. Quen durmirá esta noite!



 
Magosto 2012: o CEIP Galán de Arteixo (A Coruña) fixo esta unidade didáctica moi completa que mestura erudición (vocabulario específico relacionado coa castaña e o magosto) con exercicios de carácter lúdico (encrucillados, sopas de letras, crebacabezas etc.). 



 O Samaín webquest: cal é a orixe desta celebración? Que relación ten con Helloween? Que pintan as cabazas aquí? Pois, se queredes saber máis sobre esta festa, realizade esta webquest e xa veredes cantas cousas descubrides. Trátase dun material elaborado polo CEIP Nosa Sra. de Xuvencos, Boborás (Ourense).



 
A nosa fala: do CEIP de Petelos, en Mos (Pontevedra) chéganos un singular boletín que nos axudará a celebrar o San Martiño, pois contén información sobre a matanza.  



 
A man asasina (Unha historia de Samaín): unha escapada inocente ao souto do colexio acaba por converterse nun pesadelo terrorífico. Obra audiovisual realizada polo  CPI Poeta Uxío Novoneyra, Folgoso do Courel (Lugo).



Recompilación de xogos populares galegos: o EDLG do CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares de Vigo elaborou un práctico monográfico sobre xogos populares. A descrición de cada un dos xogos contén fotografías, información relativa ao número de xogadores, regras, desenvolvemento e materiais necesarios.   



Eu teño medo: baseado no relato de Xabier P. Docampo "Cando petan na porta pola noite" as/os alumnas/os IES Fontem Albei, A Fonsagrada (Lugo) da Fonsagrada móstrannos os seus medos máis íntimos.  



 
Historia do Samaín, unidade didáctica (EI e 1º ciclo de primaria): nesta unidade didáctica podedes atopar información e exercicios sobre a historia do Samaín e sobre a lenda da cabaza. Está feita polo CEIP Nosa Sra. de Xuvencos, Boborás (Ourense).  

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.