xoves, 1 de novembro de 2012

Os Axóuxeres 2012

Volven Os Axóuxeres! 
 
Xa pensabades que se acabaran Os Axóuxeres? Pois velaquí os tendes outro ano máis! E volven ben cargados de sorpresas! Novos personaxes, novas cancións, novos xogos… para que os máis pequenos da casa gocen coa lingua galega.
Este ano, ademais, Os Axóuxeres non serán só un espectáculo para bebés e familias, senón que tamén os poderedes ver na tele, no cine, en internet e nos móbiles. Convértense nun proxecto transmedia para estaren presentes en todos os espazos onde as novas xeracións –mamás e papás novos cos seus cativos- se divirten e se relacionan.
Os Axóuxeres é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere axudar os pais e nais a manter a cadea de transmisión da lingua galega, ofrecéndolles espazos de lecer para a familia na nosa lingua e ferramentas para aprender, cantar e xogar en galego cos fillos.

Novos personaxes
Este ano, Os Axóuxeres veñen da man de novos personaxes, unha divertida familia de monecos que vive encol dunha mesa no dormitorio dun neno. Velaquí os tes para ilos coñecendo:

Lúa, a nai da familia. Unha muller nova, alegre e dinámica que traballa como médico.

Antón é o home de Lúa. Un home namorado da natureza que vive o seu traballo de xardineiro con paixón.

Iria, con 5 anos, é a filla máis vella de Lúa e de Antón. Gústalle tanto o baile que os pés se lle moven sos cando escoita a música, estea onde estea.

Xan é o irmán de Iria, de 4 anos. Encántalle o deporte, sobre todo o salto, de altura ou de lonxitude, tanto lle ten (ás veces ata os mestura).

Pelouro, que aínda non fixo o ano, évos o pequeno da familia. Todo o sorprende. Pasa o día ao lado do seu amigo Roi.

Moncho é un amigo de Xan e de Iria. Como xa ten 6 anos, os dous queren ser coma el. Pasa o día montado no seu monopatín e escoitando música. Non dá parado quieto.

R01 –ou Roi, como lle chaman aquí no planeta Terra- é un extraterrestre acabado de chegar. O nome de Roi puxéronllo Xan e Iria ao interpretar como letras os números da matrícula do seu prato voador. Así, R01 pasou a ser Roi. Todo é novo para el e por iso case sempre se equivoca, pero é raro que admita os seus erros. A súa frase favorita: "Xa o sabía".

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.