martes, 20 de novembro de 2012

CULTURGAL 2012

Nova edición de CULTURGAL en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro 

offculturgal2012 web

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal, celébrase en Pontevedra a partir do 30 de novembro e os días 1 e 2 de decembro. Nesta convocatoria 2012 a feira (decote moi centrada no que dá de si, na nosa terra, a ligazón cultura-TIC) celébrase baixo o epígrafe A casa da cultura galega é a túa casa, ti tes a chave e que ofrece un amplo programa de actividades que se desenvolverán no Pazo da Cultura de Pontevedra durante os días da súa celebración. O acceso será gratuíto, e haberá oferta para todos os públicos, desde os profesionais ata todos os membros da familia. Na presentación realizada o 6 de novembro, amais dos organizadores do salón, participaron o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, respectivamente.


 Ao seu xuízo, Culturgal é "unha oportunidade para o diálogo, para que xurdan ideas e para intercambiar experiencias, unha ocasión de espertar interese social nas propostas culturais, de aproximar os produtos á xente e de escoitar as súas achegas". Lembrar que a Consellería de Cultura e Educación patrocina este evento a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Secretaría Xeral da Política Lingüística. Ademais, o Culturgal 2012 conta co patrocinio do Concello de Pontevedra, e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e coa colaboración de máis de 30 entidades e empresas.
A actividade da Feira das Industrias Culturais artellarase arredor de dez espazos: o Cuarto dos nenos, o Salón, a Saliña, o Garaxe, o Patio, a Cociña, a Tenda, o Estudio, os Obradoiros e a propia cidade de Pontevedra. A maioría destes espazos están abertos ao público, que poderá facer súa "a gran casa da cultura galega". Só a Cociña, o Estudio e os Obradoiros están pechados á parte profesional que se dá cita neste encontro.

Código Cero

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.